Kasempa, 12 de novembro de 2010
Queridos amigos e amigas:
Saudos refrescantes desde Kasempa. Cun pequeno retraso estamos empezando a estación das chuvias. En teoría aquí agora é verán, pero é cando chove e o tempo refresca. É agora cando a xente cultiva, polo tanto este é un tempo de moita actividade, de colas para recoller os pagos do millo do ano pasado e para recoller o fertilizante e a semente para a nova temporada. Hai veces que nos bancos, hai dous en Kasempa, a xente pode esperar varias días, chegando incluso a semana. Tendo en conta que hai xente que ven de lonxe a espera faise desde logo inaguantable. Iso contado con que den pronto o vale para cobrar, que tamén ten as súas colas. Pero por aquí o millo é o que ten máis saida no mercado e polo tanto é o que a xente máis cultiva, ainda que por darse se da case que de todo e pouco o pouco a xente vai cultivando máis cousas. Agora xa é fácil ver xente cultivando patatas, pementos, allos, cenorias, aparte dos tropicais sorgo, mandioca, cocos, calabazas, cacahuetes, “mijo”, “mpwa”, occra, feixóns….
Por tradición os kaondeses teñen os campos lonxe das súas casas. A razón é que eles vivían entre os animais e polo tanto os campos tiñan que telos alonxados, e nesta época do ano se trasladan todos aos campos e abandoan as súas casas por 4 ou 5 meses. Esta tradición está moi arraigada neles e ainda que pouco a pouco se lles vai facendo ver as desvantaxes que ten, o caso é que ainda seguen co traslado. Hoxe en vez dos 40 kms de antes reducen a distancia a 10 ou 15 kms. Algo é algo.
Desde a última circular ata agora, este foi para mín un tempo dífícil, a morte de de meu pai e ter que ir a España fixo que ao final botara moito tempo fora da misión e iso me descentrou un pouco. Agora xa estamos metidos de cheo outra vez nas actividades de cada día.
NOVOS INQUILINOS
Desde o pasado mes de outubro temos con nós a dous voluntarios alemans. Dous rapces de 21 anos que están aquí para traballar cos xovenes durante un ano. Son dous rapaces cunha madurez extraordinaria e moi realistas e claros nos seus obxectivos. Desde logo non é fácil topar xente tan nova e coas cousas tan claras. E por suposto son alemans con todo o que iso quere dicir. |
A verdade é que para mín é unha experiencia bonita, vivir con xente doutras culturas sempre abre os horizontes e te fai máis comprensible. O noso carácter latino nos fai fillos da desconfianza e alérxicos a todo o institucional. E iso nos leva a posturas alonxadas de todo o que é institución, poder… e hoxe o mundo é dos organizados!!! Ese rasgo do carácter latino hai culturas as que lle queda moi lonxano. Desconfiar un pouco pode estar ben, pero vivir na desconfianza é perxudicial para case todo.
Sebas e Jojo son “task oriented” (orientados hacia a tarea) e polo tanto non perden moito tempo en discusións que non levan a ningunha parte. Seguro que disfrutaremos con eles. Xa o estamos facendo.
NOVA PARROQUIA EN KANKOLONKOLO
Por fin xa está en marcha a nova parroquia que para nós en Kasempa vai supoñer un pequeno alivio. O bispo nombrou a Gabi e Chus para a parroquia de Kankolonkolo. Aquí uns dicen que todo vai lento, outros que as cousas ainda non lle chegou o seu tempo e polo tanto o atraso é máis sicoloxico que real. Sea como sea o caso é que por fin as cousas xa están en marcha despois de varios intentos. É verdade que se o bispo non fora cambiado o ano pasado a estas alturas xa as cousas estarían máis avanzadas.
Eles por agora están vivindo nunha casa que arranxaron de xeito provisional e vivindo sin luz, indo ao pozo para buscar a auga, cociñando con carbón ao estilo tradicional…. Vamos como se empezan aquí as cousas e seguro que un día me tocará a mín, porque ainda quedan máis parroquias por abrir e porque para iso somos misioneiros.
Agora lles queda por diante escoller o sitio para edificar a nova casa dos curas, e por en marcha o resto de cousas. Entre tanto virán a Kasempa a miudo para descansar e ver algo a televisión, que aquí todo fai falta !!!
NON TODO É CRISE
As duas visitas a España este ano me fixeron consciente de ata onde chega a crise, pero o mesmo me comentaran amigos noutros países. Fai pouco me escribían uns amigos croatas e me falaban do mal que está o seu país.
Pero se teño que ser honesto e ainda que teño que repasar as contas para ver tódolos datos, o caso é que este ano eu recibín máis diñeiro ca nunca para proxectos.
En total recibín máis de 10.000 euros que no ano 2.008. E iso que non recibín ningunha axuda institucional.
Este ano foron diversos os proxectos levados a cabo aparte dos de sempre: becas, axuda aos leprosos, o das vacas, axuda aos enfermos do SIDA, e da construción de igrexas.
Este ano puxemos en marcha dous muiños e outro está xa de camiño. A verdade é que a xente está moi contenta con esta iniciativa e son xa diversas as peticións que recibimos para os próximos que poidamos comprar. Con eles matamos dous páxaros dun tiro: o tema de moer o millo xa non é agora cousa de mulleres no morterio. Traballo duro e monótono onde os haxa e ademáis co diñeiro que xeneran estamos axundándolle a orfos a pagar os seus estudios.
A verdade é que a xenerosidade da xente nunca deixa de sorprenderme. Gracias a todos vós porque sodes os que sementades esa xenerosidade entre a xente dando a coñecer o que por aquí facemos.
CONCLUSION
Aquí a lebre é o animal que representa a sabiduría. A súa astucia, intelixencia e rapidez están presente en tódolos contos kaondes. Nun deles desafiou a un hipopótamo e ser máis forte ca ela tirando dunha corda. Puxo ao hipopótamo a tirar da corda cun elefante e o hipopótamo perdeu. Pero a vida nun engaña. O hipopótamo non perdeu coa lebre, perdeu co elefante ¡!!
Na rexión noroeste de Zambia os novos elefantes e hipopótamos son as minas de Kansanshi e Lumwana. Elas son as que medran cada día cunha forza fora do normal. Lumwana xa é a segunda mina máis grande toda Africa ¡!!. Os investimentos que están a facer son impresionantes.
A pregunta é sempre a mesma. ¿terá a xente local a sabiduría e rapidez da lebre para quedarse con algo ou todo se irá para fora, para as mans dos pulpos planetarios? Non pintan nada ben as cousas e máis ben parece que hasta as migallas van a ser escasas. É fácil contentar a un pobre que nunca tivo nada. Pagándolle unha miseria xa lle parece moito para él, pero ¿ é esa a xustiza que queremos no noso mundo?
Por certo, nunha mina aquí en Kasempa hai traballando 200 chinos, e estes non veñen de vacacións. A xente lle descontan 3 euros por non ir a traballar os domingos. É fácil entender por qué en China non hai sindicatos.
E por hoxe nada máis. Estamos esperando a visita do novo bispo a Kasempa. Será un acontecemento dun especial interese para a xente e así o estamos preparando.
Seguimos en Comunión.
José Manuel Bernárdez Gándara
No hay comentarios:
Publicar un comentario